Achégase o entroido e é bo momento para falar das festas e personaxes deste tempo. Aínda que nesta ocasión non podemos falar de lugares que estean todos na bisbarra betanceira, si queremos mencionar algúns dos entroidos máis destacados que temos en zonas próximas. Claro está que os entroidos galegos máis famosos e recoñecidos fóra das nosas fronteiras son os da provincia de Ourense. Xa só no que se denomina o “Triángulo máxico”, formado por Verín, Xinzo e Laza, temos algúns dos máis destacados representantes da provincia, pero na da Coruña tamén temos algúns moi interesantes e que paga a pena destacar. Moitos destes entroidos coruñeses, despois de tempo sen levarse a cabo, foron rescatados por parte da veciñanza, nun esforzo por recuperar parte da cultura tradicional tan rica que teñen os noso pobos e vilas.

  • Madamitos e Ghuardinos  en Cerqueda.

Nesta parroquia bergantiñana, ao sur do concello de Malpica, temos a tradición recuperada hai uns trinta anos das Madamitas e Ghuardinos. Para axudar a que todo o mundo sitúe espacialmente esta parroquia, é a mesma na que está o dolmen de “Pedra da Arca”. Xa en situación, falemos das personaxes. Os madamitos son as mulleres vestidas con camisas e cunhas saias brancas cheas de fitas de cores, mentres levan coroas de flores coma tocado. Acompañando a estas van os Ghuardineiros, personaxes caracterizados coma mariñeiros.  Este entroido podedes velos desfilar o domingo 6 de marzo.

  • A Micaela de Buño

Sen abandonar o concello de Malpica, temos a particular Micaela. Poderiamos interpretar esta celebración coma unha especie de enterro da sadiña. A súa celebración dáse o sábado de piñata e consiste nunha especie de procesión que se fai cunha gran figura dunha muller de curvas ben marcadas que remata, finalmente, no  lume. Aínda que poida parecer unha festividade falta de tradición, a súa orixe vén de principios do século XX, e rematou por propagarse, en forma de “descendencia” por outras parroquias da vila. Iso si, levade sede, porque a troula consiste en ir remollando a gorxa a cada pouco. Aínda que…non pasa iso en moitos dos entroidos galegos??

Non deixedes de ver imaxes destas dúas celebracións malpicanas no seguinte enlace: https://www.quepasanacosta.gal/tags/entroido

Archivo:Xenerais do Ulla.jpg - Wikipedia, la enciclopedia libre
  • Os Xenerais do Ulla

Declarada festa de Interese Turístico de Galicia, esta celebración dada entre os concellos de Compostela, Teo, Touro, Padrón, Boqueixón, Vedra, pola banda da Coruña, e os de A Estrada, Silleda, Vila de Cruces pola de Pontevedra celébrase dende finais do século XIX.  A festa ten como referencia as loitas contra os franceses naquela zona, e utiliza o conflito contra estes de xeito satírico. Os principais personaxes son os propios Xenerais, sempre vestidos cos seus mellores uniformes con atributos de entroido e vistoso sombreiros de plumas, e os correos, personaxes que levan camisa e gravata. Ambas personaxes percorren, durante unha semana, as parroquias destes concellos mantendo animadas batallas orais impregnadas de moita sorna. 

  • Os choqueiros da Coruña

Aínda que a día de hoxe o seu “uniforme” non pareza moi elaborado, no seu momento, os Choqueiros da Coruña contaban cun tipo de indumentaria de seu. Esta festa ten as súas orixes nos finais do século dezanove, aínda que pode provir de moito máis atrás. Neste momento, as personaxes buscaban roupas vellas e aldraxosas polas casas, cubrían as faces con elementos coma peles de algún animal ou embadurnábanas cun tizón e cubrían as súas cinturas con chocas (de aí o nome) para saír a percorrer as rúas, sobre todo, as da zona de Montealto, onde máis fama teñen. Se queredes indagar máis sobre estas personaxes, tedes información neste enlace: http://historiadegalicia.gal/2018/02/cal-orixe-dos-choqueiros-da-coruna/

  • Entroido de Samede
Entroido de Samede - Wikipedia, a enciclopedia libre

Deixamos para o final o máis próximo. Neste lugar da parroquia de San Xulián de Vigo, no concello de Paderne, celébrase unha festa que se cre provén de finais do século XIX, aínda que os testemuños coñecidos a sitúan sobre principios do século pasado. Despois de varias décadas sen se celebrar, no ano 2015 a veciñanza recuperou esta celebración que cada ano colle máis pulo e estase a converter nunha referencia na bisbarra. As personaxes do entroido de Samede son varias: 

  • O Policarpo: Un meco que se colga dun pau nun cruzamento de camiños e que remata queimado.
  • As máscaras ou bonitos: Personaxes vestidas (en gran parte) de cor branca, con sombreiros de palla nas cabezas, decoradas con fitas e flores. Son as figuras encargadas de bailar un baile característico coñecido coma a “Muiñeira Cruzada.
  • Carolos: personaxes, tamén, vestidos de branco pero, polo xeral, sen sombreiros. Non soen levar sombreiro aínda que, de levalo, non ten decoración. Tamén bailan a Muiñeira Cruzada, aínda que non sempre aparecen.
  • Vixigueiros: Vestidos con roupa vella e portando vexigas inchadas ou chocas, van facendo falcatruadas e buscando chamar a atención da xente.

Non deixedes de aprender máis sobre el na súa propia páxina web: http://entroidosamede.gal/. E, sobre todo, non deixedes de visitalo que, neste caso, non tedes a excusa de que queda lonxe!!!

Bonus track:

En Betanzos o Entroido foi recuperando pulo nos últimos tempos. Despois dunha época na que a celebración quedaba, case, restrinxida ás crianzas pola falla de adultos disfrazados polas rúas, dende hai uns anos cada vez é maior a cantidade de xente que desfruta destas datas. O día protagonista é o luns de entroido, cando máis xente se pode ver caracterizada pola Vila. Betanzos tamén contou coas súas particulares tradicións de Entroido;, pero iso deixarémolo para outra ocasión!!! 

Feliz entroido!!!

No responses yet

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.